5 may 2007

Editorial: Por que ler ?

O día que dixen na miña casa que me gustaba ler, meu pai puxo o grito no ceo.

- Pero, como é posible que che guste ler? - dixo alzando a voz -. Víchesme a min ler algunha vez? Le a túa nai? Le o teu irmán? Non, verdade? E non estamos todos sans e fortes?. Miña nai foi máis suave:

- Fillo, por que o fas? Por que les? - preguntoume entristecida.

Sen deixarme responder, meu pai voltou á carga:

- Tes un ordenador, tes moreas de videoxogos, puxémosche un televisor no teu cuarto e, aínda así, o neno caprichoso prefire ler libros. Paréceche bonito ese vicio?

Vicio? Eu, a verdade, non souben que responder. Comprobei despois ás agachadas no dicionario, que tamén é un libro, que un vicio é un mal costume que se repite con frecuencia. Naquel intre, máis que un vicioso, sentíame coma un ladrón que acabara de roubar un banco e fose pescado in fraganti.

Para colmo aínda tiña o botín na man, isto é, os libros que sacara da biblioteca. Meus pais miráronos horrorizados e leron os títulos con dificultade. A cousa non rematou aí. Tiven que prometerlles que nunca máis voltaría a ler libros na casa.

A verdade é que me gustaría compartir este interese pola lectura con alguén, pero os meus amigos pensan coma meus pais. Eles só saben falar de fútbol. Un día insinueilles que lera un libro; miráronme coma se fose un enfermo contaxioso, e afastáronse de min poñendo cara de noxo.

Cumprín a miña promesa. Xa non leo na casa, agora leo sentado nun banco do parque ou na biblioteca, onde eles non poden verme. Ás veces, cando me dedico a este vicio, teño medo a que me descubran, aínda que logo esquézome de todo.

Síntoo polos meus pais, pero a min gústame ler, e que?

1 comentario:

Biblioteca do IES Pintor Colmeiro dijo...

Ler é un pracer, sempre!! Unha aperta desde Silleda